Libros, libros, libros

Inma López Silva
Inma López Silva CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

as librarías están a rebentar. Non é chiste. Malia Amazon, houbo que contratar persoal eventual nalgunha desas librarías nas que hai máis posibilidades de ligar ca nun bar. «Recoméndame un libro para un rapaz de 14 anos ao que non lle gusta ler», dinlle á libreira, que tamén ten resposta para iso. E todos marchan cun paquetiño lindo que contén un mundo. 

Ao tempo que isto pasa nas librarías, o INE publicou a estatística sobre a produción editorial nas catro linguas de España. Adiviñan? A galega bateu a súa marca e xa acadou cifras de 1999. (Aplausos). Imaxino a certos cargos da Consellería de Cultura fartándose de turrón, alleos ás cifras. Se cadra, eles mesmos, convencidos de que a súa existencia terá algún sentido cando non haxa nin lingua nin cultura galegas, entraron nunha libraría ateigada e viron como a xente non le en galego, esa noxenta lingua que nos impide usar idiomas imperiais que verdadeiramente importan. Ou se cadra, tamén observaron as cifras de algo estraño que só pasa no capitalismo made in Galicia: como é que non pecha ningunha editorial cunha caída do 53 % nos últimos dez anos? Será que son escritora e, por tanto, parva, pero de verdade que non o entendo. Igual que non entendo o trato condescendente do sector coa Administración, coma se lle debese a quen goberna o favor de seguir vivo, para agonizar. Non entendo por que os proxectos máis interesantes e sostíbeis, os máis críticos tamén, son marxinados, mentres todo o mundo atopa un motivo para laiarse por algo difuso e a verdade só se di con bocas pequenas.

Entre tanto, eu aos Reis pídolles que se cumpra a Lei do Libro, e que as libreiras e libreiros sigan amándonos, malia todo.